Mestres

BAILE

  • Manolo Cobas

Mestre de baile tradicional dende o ano 1994, actualmente imparte clases en distintas asociacións como Lembranzas da Ría ,Meiramar Axóuxeres, e o grupo Abertal de A Rua de Valdeorras, así como en distintos centros educativos, tanto na formación regrada como en actividades extraescolares.

Impartiu cursos en Lugo, Ourense, Ferrol, Santiago de Compostela, Salceda de Caselas, Madrid, Viseu, Madeira, e Croacia.

Compaxina a súa faceta de mestre coa de bailarín, formando parte das compañías de danza Circio e Bruma. Como músico forma parte do grupo Fiandola.

GAITA

  • Roberto Sotelo

Comeza a súa andaina como percusionista na A.C. Lembranzas da Ría en 1989. Formouse como gaiteiro autodidacta a partir do 1993 e comeza a ser mestre en dita Asociación en 1999.

Foi compoñente da Banda do colexio do Hío, fundador do cuarteto tradicional Ludovaina e compoñente e director da Charanga Lembranzas da Ría.

Imparte clases en asociacións como: Meiramar Axóuxeres, Antoxo, Pais de San Roque, Recordos, Ardanceiros, etc.

 PANDEIRETA

  • Margó Gayoso

Comeza a súa andaina no mundo do folclore galego bailando á idade de 6 anos. Dende entón formou parte como bailadora e pandeireteira de distintas agrupacións do concello de Vigo, entre elas ACF O Fiadeiro e Etnográfico A Buxaina. Durante anos realizou recollidas de campo en diferentes lugares da xeografía  galega, a persoas das que aprendeu repertorio e diversos xeitos de cantar e tocar que despois ensina nas súas clases.

Asistiu a diversos cursos de canto e percusión de folclore galego, leonés, asturiano e portugués. Realizou cursos de formación de técnica vocal e linguaxe musical.

Dirixiu as pandeireteiras dos grupos A Xuntanza de Pazos de Borbén, Agrupación Folclórica Celme de Pontevedra, entre outros. Na actualidade leva a dirección do grupo de pandeiretiras  e escola infantil do Etnográfico A Buxaina, a escola de adultos do Cracc de Coruxo. Dirixe a escola de pandeireteiras da AFCX Meiramar-Axóuxeres, e a de Lembranzas da Ría. É mestra de varias escolas de pandeireteiras da ACF O Fiadeiro de Vigo. 

Ademais de pandeireteira, ten formación musical en gaita, tamboril e acordeón. Formou parte do grupo de música tradicional Tanxedoras.

  • Claudia Álvarez

Pandeireteira, bailadora, violinista e mestra de pandeireta e canto tradicional.

Formada dende ben cativa na agrupación Lembranzas da Ría, da que actualmente forma parte do grupo titular de baile. A súa vez é integrante do grupo de pandereteiras Lina e Lola.

Asistiu a clases de música e baile tradicional da man de Nébeda Piñeiro, Carlos Álvarez, Manolo Cobas, María García… e foi participe de cursos impartidos por Xisco Feijóo e Fransy González.

Con Lina e Lola, ten participado e acadado numerosos premios en concursos de percusión e canto tradicional. É bo resaltar o 1º premio na Cat. C do VII concurso organizado por Traspés en Vigo no 2020.

Ten estudos de violín no conservatorio. Non só se desenvolve na música clásica, tamén o fai na musica tradicional, chegando a ter tocado como solista.

  • Sandra Bastón

Mestra de pandeireta e canto tradicional. Comezou a súa andaina na música tradicional en 1989 en Lembranzas da Ría onde se formou como pandereteira e participou en recollidas de campo por diferentes zonas de Galicia.

Tamén foi integrante como vocalista e pandereteira dos grupos Veña que vai! (tradicional), Na Virada (música infantil) , Proxecto Avelaíña (folc) e Pandecroba (danzas do mundo).

Durante máis de dez anos impartiu clases por diferentes asociacións culturais e veciñais do Concello de Cangas como a AC “O Ghato” (Vilariño), a Asociación de Mulleres “A Ponte” (Aldán) e a Asociación “Malladoiro” (Nerga).

PERCUSIÓN

  • Pablo Fandiño: 

Inicia a súa formación en percusión na Banda de Gaitas de Pontevedra con 5 anos. Posteriormente amplía os seus coñecementos asistindo a clases no colexio de Hío, na Banda de Gaitas Mazaroca, na Banda de Gaitas María Soliña e na Asociación Cultural Soavela. Nestas dúas últimas foi ademais profesor de percusión.

Mantén unha constante aprendizaxe a través de cursos e obradoiros impartidos por profesionais como Andrés Vilán. Complementa os seus coñecementos de percusión cos de danza tradicional.

Actualmente forma parte como integrante do corpo de baile e na seción musical da Asociación Cultural Lembranzas da Ría e como percusionista na Banda de Gaitas María Soliña.

ACORDEÓN:

  • Alex Balbuena

Naceu en Vigo no Barrio do Calvario, onde comezou ós 8 anos os estudos de acordeón con Elena Menchero e 6 anos despois continúa as súas clases con Manuel Olegario, con quen segue colaborando no grupo de acordeóns “Tarataña”.

Recibiu numerosas master classes entre outros de Jorge Arribas, Fernando Fraga, Kepa Junkera, Karen Tweed ou Mairtin´Connor. Ten tocado No Festival de Ortigueira, Festival de Pardiñas, Lorient, Festival Intercéltico de Aviles entre outros festivais.

No ano 2013, fai a primeria publicación do libro CD ““Acordeón tradicional e folk galego”, e no 2018 o “Acordeón tradicional e folk galego, VOL II” para acordeón cromático. En 2015,   para acordeón diatónico, publica o libro CD “Acordeón diatónico tradicional e folk galego”. No 2020, edita o primeiro traballo discográfico co grupo Acordeireta, que leva como título: “Loitar Cantando”.

 BAILE EN FAMILIA

  • Bea Díaz

Psicomotricista, fisioterapeuta pedriática e mestra de baile. Formouse como bailadora na Asoc. Monteira de Danzas do Mundo de Vigo, na A.C.F. O Fiadeiro, A.F. Albendeira de Vigo e actualmente na A.C. Lembranzas da Ría, asistindo a cursos e clases con Manolo Cobas, Luis Prego, Serxio Cobos,etc.

Foi docente de danza tradicional e danzas do mundo en distintas zonas da xeografía galega e española (Vilagarcia, Sarria, Ourense, Lalín, Madrid,…)

Participou en en espectáculos de danza das compañias GS21, Brume e Circio. Ademais colaborou cantando en discos de Ardentía, nos libro-discos “Para cantar e bailar” e “Xogos musicais” de Luis Prego (Ed. Cumio)

Guitarra Folc

  • Berto Rodríguez

Comeza tocando o piano e mais tarde a guitarra. Cursou Composición no CSM de Vigo e Corda pulsada na Etrad, aparte fixo Luthería na escola de Artes e Oficios.

Actualmente é mestre de guitarra na asociación Meiramar – Axóuxeres e en distintos colexios do Morrazo dentro das actividades extraescolares. Como músico dentro da escena folc toca en grupos como Ai Hox, Os Pataghulhos e Faltriqueira.

Requinta – Frauta de madeira

  • Cristobal Prieto

Nado no Hio, comenza a súa andaina na música tradicional galega coa Gaita ós 13 anos, formou parte de diversas agrupacions e bandas, Banda de Gaitas do Hío, Ximalveira, Retrouso, Pais de San Roque, Bellas Artes de Cangas, Saramaganta etc…

Como Mestre leva 22 anos impartindo Gaita, Requinta, Percusións, Linguaxe Musical en diferentes ámbitos, Centros Galegos por Europa, Asociacións, Colectivos, Grupos…

Por outra banda tamén cabe destacar o seu traballo como artesán de gaitas, requintas e frautas de madeira no seu obradoiro artesanal.

Teatro

  • Iria Pinheiro-Santos

Actriz que desenvolve a súa carreira profisional entre as artes escénicas, a música o audiovisual e recentemente na literatura coa publicación do poemario Uralita(Ed. Cuarto de Inverno).

Premio María Casares á Mellor Actriz e Mellor Texto Orixinal por Anatomía dunha Serea e Premio Maruxa Villanueva á Interpretación pola súa traxectoria artística.