Damas e Galáns do Entroido de Darbo

No ano 2017 a A.C. Lembranzas da Ría conseguiru xuntar a varias das últimas persoas que bailaron a danza datando a última representación entre finais dos 60 e principios dos 70.

As diversas xuntanzas cos informantes serviron aparte de para que nos ensinaran as Danzas para que nos contaran como era o entroido por aquela época, como ían vestidos, que tocaban, cal era o percorrido etc.

A Asociación Lembranzas da Ría, entre os anos 1984 e 1985, xa fixera unha recompilación destas danzas cando se fundou baixo a dirección de Xosé Menduíña Bastón.

 

Menduíña, xunto con outros bailadores e bailadoras do grupo os que aprenderon estes bailes da man da informante Albertína Rial Fernández. Estes bailes pasarían a formar parte do repertorio do grupo durante moitos anos, non como bailes de entroido, se non como bailes de solto.

Grazas ós datos recompilados durante estes anos, con fotos e testemuñas de veciños de Darbo, conseguiuse recuperar unha pequena parte do Entroido tradicional de Darbo esquecido durante case 50 anos e que o 11 de febreiro do 2018 volveron a Bailar.

Antigamente a parroquia de Darbo formaba parte do Carnaval do Hío e segundo nos contaron algúns informantes, tanto o luns coma o martes, facían o percorrido polas distintas aldeas do Hío.

O Entroido de Darbo, Carnaval como lle chamaban eles, iniciábase o domingo cun pasarrúas polos barrios de Darbo ata parar no lugar do Seixo (antiga escola infantil), que era onde se facía o baile de Damas e Galáns, bailando unha jota e unha muiñeira como inicio do Carnaval.

Pola noite, trasladábase o baile ó baixo dunha casa ou a adega dalgún veciño, onde tamén había palco para os músicos. Este palco facíase de madeira adornado con mimosas e xestas igual que o que estaba ó aire libre para cantar os Vivas e facer a festa.

A vestimenta era fundamentalmente branca: as damas ían con refaixos e camisas de cor branca, un mandil de veludo negro a poder ser adornado con pedrería, un mantón de seda sobre os ombreiros e un sombreiro de palla adornado con flores e fitas de cores.

Os Galáns ían vestidos cun pantalón e unha camisa de cor branca, un mantón de cachemir cruzado, faixa e un sombreiro negro adornado con plumas e fitas de cores, aínda que os máis vellos do lugar lembran como eses sombreiros eran de palla. O martes as Damas cambiaban o refaixo por unha saia estampada, e os Galáns cambiaban o pantalón branco por un negro, e as veces cruzaban outro mantón de cachemir, que adoitaba ser unha touca de neno, a maiores.